jueves, 15 de abril de 2021

A RODA DOS ALIMENTOS EN 1º DE PRIMARIA

O programa “Aliméntate ben” quere promover hábitos saudables na comunidade escolar a través de dietas equilibradas, e utilizando produtos de calidade que garantan unha nutrición e desenvolvemento axeitados. En consonancia con este programa, no que participa o CEIP de Arzúa, o alumnado de 1º EP, desenvolveu unha actividade transversal para familiarizarse co consumo diario de alimentos saudables que conforman a roda alimentaria. 
Para desenvolver a actividade, comezamos pintando todos e cada un dos alimentos que aparecen representados na roda, despois recortámolos e fómolos pegando nun prato dividido en sete porcións de diferentes cores e tamaños. Xa rematada a parte práctica, comentamos o porqué dunha roda alimentaria e o seu significado, baseándonos na seguinte información: 
A roda dos alimentos é unha representación gráfica que axuda a definir os alimentos que se deben consumir diariamente pola poboación. A imaxe circular - en forma de prato - divide os alimentos en sete grupos de diferentes dimensións, que indican a proporción na que cada un deles debe estar presente na comida diaria. A forma en que se presentan os grupos non os clasifica, dálles a mesma importancia. En esencia, a roda de alimentación só ten como obxectivo advertir sobre unha dieta completa e equilibrada que inclúa elementos de varios grupos e auga, o que presupón a inxestión de maiores cantidades de alimentos pertencentes a grupos máis grandes -e variada-, o que implica unha dieta diversificada, é dicir, dentro dun mesmo grupo, hai que consumir diferentes alimentos. 
Para finalizar, elaboramos de xeito oral un menú para un día da semana (almorzo, comida, merenda e cea) seguindo os consellos da roda dos alimentos.











No hay comentarios:

Publicar un comentario