domingo, 10 de noviembre de 2019

VISITAMOS UNHA EXPOSICIÓN DE COGUMELOS

O pasado xoves 7 de novembro tivemos a oportunidade de visitar no IES de Arzúa unha exposición de cogumelos realizada polo alumnado de agraria. Nesta exposición, o alumnado participante nos programas de "Aliméntate ben" e "Sustentabilidade e paisaxe" puido observar unha morea de exemplares de cogumelos, así como os seus nomes e a idea de que hai cogumelos comestibles e outros que son velenosos, sendo a "micoloxía" a ciencia que os estuda.

Mostráronnos tamén como certos cogomelos cambian a cor da súa carne ao cortalos.

Espertáronse curiosidades como algún nome ("peido de lobo") e a idea de que se poden identificar os cogumelos a partir das súas esporas. Observamos as "esporadas" ou impresións de esporas (mancha formada polo conxunto de esporas que deixa caer un cogumelo maduro sobre unha superficie), que son importantes para identificar o cogumelo, debido a que a súa cor varía con cada especie e tamén permite iniciar algún cultivo partindo destas esporas.

Quédannos moitas cousas por aprender dos cogumelos. O outono vístese de cores e móstranos a súa beleza, na que contrastan vermellos, ocres e dourados, mesturados cos verdes das follas perennes.
Se chove, medran os cogumelos. Hainos no campo, nos bosques e ata nos xardíns e cada paisaxe ten os seus. O níscalo por exemplo é típico dos pinares. Para buscalos temos que valorar a vexetación e hai que saber de árbores, xa que certos cogumelos só están debaixo dun tipo de vexetación (arbusto, árbore,...) e isto é básico para saber o que buscamos. Canto nos queda por investigar...e farémolo a partir desta visita, porque... os cogumelos, que son? plantas? fungos? froitos?...que é unha planta? e un fungo? e un cogumelo? en que tipo de paisaxe medran? que precisan para medrar? queremos facer esporadas?... Adiante pequenas e pequenos...

viernes, 8 de noviembre de 2019

A NOSA FESTA DA CASTAÑA: O MAGOSTO

Magosto é unha festa tradicional na que a castaña é a verdadeira protagonista. Trátase dunha celebración relacionada coa recolección de castañas na que se prepara unha fogueira para asalas en torno á cal se reúnen os veciños e veciñas para compartilas.
Nós, hoxe, tamén quixemos celebrar o noso Magosto, comendo castañas en compañía dos nosos amigos e amigas.
                       
Aínda que o tempo non acompañou para poder celebrar os tradicionais xogos con castañas, puidemos festexar este día xogando e comendo castañas cos nosos compañeiros e compañeiras. Foi igualmente moi divertido!
                            


Esperamos pacientemente na fila para recollelas, e despois degustámolas todos xuntos e xuntas!